CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Compostela-Ourense C. F., o sábado no 'Galicia en goles', que esta fin de semana remata a temporada

23/07/2020 - 15:45 h

Compostela-Ourense C. F., o sábado no Galicia en goles. Esta fin de semana remata a temporada de Galicia en goles coa retransmisión da final de ascenso á Segunda División B. O sábado, desde as tres da tarde, o programa contará o partido entre a S. D. Compostela e o Ourense C. F., por unha praza na Segunda División B da próxima temporada. O empate válelle ao equipo santiagués, mentres o cadro das Burgas necesita a vitoria para competir na categoría de bronce.

Andrés Vieites, na narración, e o adestrador Alberto Mariano, na análise, trasladarán á audiencia e emoción dos noventa minutos de xogo desde o estadio municipal de Balaídos.

O Día do Apóstolo presenta, ademais, a final polo ascenso á Primeira División de fútbol sala feminino no pavillon da Sagrada Familia, na Coruña. O anfitrión, o Amarelle, enfróntase ao Valdetires Ferrol, que na semifinal eliminou o Fisgón. A competición de motor tamén será protagonista coa disputa do rally de Ourense, a primeira gran proba do calendario galego tras o confinamento.

Xa o domingo, Galicia en goles principiará ás dúas e cuarto da tarde coa edición informativa, e a partir das tres o programa emitirá a última entrega da temporada máis longa da historia, xa que comezou o 17 de agosto de 2019. Durante a tarde, o programa retransmitirá desde Vigo as finais do Campionato Galego de tenis, e a partir das oito e media xuntará a xornalistas, adestradores e árbitros para debatir no faladoiro. Todas as emisións de Galicia en goles chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e altofalantes Alexa.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso