Zona Mixta
Fran: "O do outro día foi un atropelo, non houbo limpeza na última xornada. Isto non pode quedar así"
Fran González Pérez pasou hoxe pola Zona mixta da Radio Galega para falarnos do acontecido na última xornada da Liga de Segunda División e todo o que supuxo.
Comezou moi contundente na súa valoración do sucedido e de como se están a suceder os feitos: "Foi un atropelo e non houbo limpeza nesta última xornada. Isto non pode quedar así. Como non se vai xogar co resultado? Se o Dépor gaña 2-0 ou 3-0 no descanso a presión sería enorme para os demais. Por non falar do penalti en Albacete, que vamos, agora parece que é punible coa nova norma, pero en fin...".
Sobre o que pode acontecer co descenso ten dúbidas: "Non sei que pode pasar, o máis xusto sería a liga de 24, pero tamén temos o problema do play-off se se decide isto".
A nivel persoal, non desbota unha volta ao seu club: "Un proxecto en Abegondo comigo se se descende á 2ªB? Eu xa dixen hai tempo que estaría encantado de poder vir axudar. Pola miña parte non habería problema. Véxome moi capacitado para botar unha man no que necesite o Dépor. Non é cuestión de traballar sen cobrar, pero non vou poñer problemas de cartos nestes momentos tan difíciles".
Congratulouse do movemento que está notar a prol dentro e fóra do Dépor: "Alégrame ver a unión no deportivismo, que xa era hora. Pero tamén fóra de Galicia noto apoio. Botei de menos a unión de todos os equipos para parar todos os partidos. Hoxe pasa aquí, pero mañá tócalle a outro. Deberían estar todos máis unidos".
E rematou falándonos da xenética, do seu fillo que xoga nas categorías inferiores do F. C. Barcelona: "Teño un ollo no Barça B para o ascenso, o rapaz non xoga moito, pero estou seguro de que se non se ascende este ano, será o seguinte".