CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Fernán Ferreiroa: "Estou encantado en Polonia. Iso si, mándanche un vídeo en xuño con sol e logo atopas a Antártida"

23/06/2021 - 15:18 h

No grupo de España xa viaxamos da man de 'Zona mixta' a Suecia no 'Galegos pola Euro'. Foi a quenda hoxe de Polonia. Fixérono da man dun galego que está gozando o sol de Nigrán para poder levar o moreno a Polonia a tempada que vén xa de volta: Fernán Ferreiroa

"En Nigrán estase xenial, caloriña, praias... igualiño que en Polonia, si. Bialystok é unha cidade como Vigo, 300.000 habitantes. É universitaria e hai bastante ambiente. Pero chámanlle a Antártida polaca, xa podedes imaxinar o porqué"

Un viaxeiro do fútbol, así é Fernán: "En canto me chegou a oferta de Polonia non o dubidei. Igual a nivel calor e do polbo non foi a mellor decisión, pero estou encantado. Mándanche un vídeo en xuño co sol... e logo atopas a Antártida. O nivel en Polonia sorprendeume moitísimo, é como unha Segunda División potente, se en Azerbaixán xa me pasou, aquí máis. E hai ambiente nos estadios... dígovos que hai partidos que non se xunta tanta xente en Balaídos"

E sobre a selección polaca dicía: "Os polacos da súa selección fan bromas con que van gañar a Euro. Logo ves que din... outro ano máis con Lewandoswky arriba... Pero teñen máis xogadores, o malo é que para aprender eu os nomes... os do meu equipo tardei un mes... Imaxina ter que dicirche algún"

Como ve o futuro inmediato? Marcha seguro de volta a Polonia, dinos: "Teño un axente polaco que me está mirando opcións para o ano, que o verán está moi ben en Nigrán, pero hai que ir pechando algo"

Para iso, tivemos que facerlle o noso 'Test de Polonoloxía: "a comida mellor a polaca que en Azerbaixán, que é moi especiada. As sopas encántanme. Palabras en polaco? Mellor non, que son malsoantes"

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso