Zona Mixta
Tonecho: "Seguir un ano máis en ACB é un título. Menos mal que colgan a miña camiseta no Sar, porque eu non conservo ningunha"
O Obradoiro presentou hoxe os primeiros actos do seu cincuenta aniversario. Un escudo que funde a cifra dos 50 anos coa imaxe orixinal do club. Un muro (dos de verdade) para que os seareiros deixen mensaxes e a retirada dun dorsal, o de Tonecho Lorenzo que pasou por Zona Mixta na Radio Galega.
Falou do seu sentimento por ver pendurada esa bandeira, pero coa humildade que o caracteriza, non esqueceu os seus compañeiros: "Pedinlle ao club que puxeran na miña camisola tamén a todos os veteranos do Obra para colgala no Sar. Gardo aínda un chándal meu dos anos 70, pero camisetas non. Entre que agasallas e perdes, non quedei con ningunha. Antes xogabamos cunha delas dous anos, e agora xa no descanso a cambian ou a dan"
Repasou a súa estadía no club: "Eu estiven 7 tempadas xogando no Obra, outra levei comunicación, canteira 3 anos e outro par de anos de segundo dos adestradores. Uns quince anos. Son un amigo dos xogadores e de todas as épocas. O Obradoiro reinvéntase cada ano. Eu creo que este ano será bo"
Sobre o novo escudo dixo: "Gústame moito o escudo e o logo desta celebración, porque me gusta moito tamén o orixinal. Lembroume unha mestura entre a bandeira española e a galega. Como un familiar que non sabes se sae aos do pai ou aos da nai"
Como encara cada tempada e cada partido no Sar? Pois co corazón a mil: "Ao baloncesto no Sar vaise a sufrir, agás que ganes de vinte e só se queda un minuto. Divertirme? Por estar na ACB, si, pero eu sempre sufro porque son marcadores axustados.Moncho Fernández é unha lenda no club. E Pepe Pozas é un pegamento no club. Que quede!. Estar na ACB é un título cada ano".
*Foto: Obradoteca