CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Isma explica a súa saída do Parrulo: “Houbo cousas desagradables, como que te podemos ter todo o ano sen xogar”

23/04/2021 - 15:31 h

Por 'Zona mixta' pasou Isma para explicar a súa saída do Parrulo: "Dáme rabia non poder xogar os partidos que quedan. É unha mágoa deixar o Parrulo e do xeito que foi, son decisións duras, pero necesarias. Vén de moi lonxe, non son só os problemas económicos do club, como o xeito de afrontalos da xunta directiva: o non dar a cara"

Aínda que é comprensivo cos problemas xerados este ano coa pandemia e a falta de público e ingresos, non evadiu a crítica: "Entendo que a covid-19 afecta, pero un mínimo de dar a información aos seus traballadores... Eu podo falar no meu caso. Débenme unha mensualidade do ano pasado e o 70% de entre 5 e 6 meses deste ano. Hai moitos compañeiros que viven 100% do fútbol sala. As cousas da covid, si, pero non é a primeira vez que pasa. Hai diversos atrasos, e desde a directiva non son claros e honestos, ata diría que con mala fe. Ocúltanse os problemas incluso estando en períodos de fichaxe e quedamos ancorados no club porque non che queda outra"

Afondou no caso que se lle deu cando puido ter saído de Ferrol: "Eu puiden ter ido a outro club e non foron claros conmigo. Cando hai un acordo, verbal ou escrito, hai que cumprilo. Crecín neste club e antes de asinar este contrato de longa duración, pedín que me deixasen marchar se había un club superior ou con máis cartos que me quixese. Cando chegou o momento puxeron todo tipo de trabas, ata me dixeron que tería que pagar moitísimos cartos de indemnización se marchaba. Foi moi desagradable, ata ter que escoitar que podería estar todo o ano na bancada sen xogar"

Sobre o seu futuro inmediato, ten claro que seguirá no deporte que lle gusta: "Vou seguir xogando como profesional, pero esta temporada xa non podo, ata o novo mercado non é posible. Quedo no paro. Oxalá polos meus compañeiros que poidan acadar a vitoria hoxe e quedar vivos pola permanencia"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso