CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Nico Alvarado: "Despois de nós desapareceu o fútbol praia en Galicia. Temos plans para volver darlle forza"

22/10/2021 - 15:25 h

Pasou por Zona mixta un deportivista que hoxe está na Coruña, pero case por casualidade, porque leva uns anos traballando e triunfando moi lonxe. Iso si, non no céspede, o seu é outra superficie, a area. Nico Alvarado, seleccionador de fútbol praia de Bielorusia na Radio Galega: "Estar entre os tres finalistas ao mellor adestrador de fútbol praia do mundo faime moita ilusión. Do fútbol-herba estou menos pendente, pero vexo moita ilusión no Deportivo. A xente está en boa dinámica e os xuvenís están ilusionando moito"

Así falaba da súa experiencia como seleccionador fóra da terra: "Levo desde 2017 en Bielorrusia. Somos unha federación humilde e pequena. Ramiro Amarelle estivera impartindo clases antes e estaban creando infraestrutura aló. Ao principio a idiosincrasia do país era complicada para min, agora xa estou afeito. Na Coruña queda marxe de mellora no fútbol praia. Temos plans, porque con todo o que se conseguiu hai uns anos aquí, parece que se está deixando un pouco de lado este deporte en Galicia. A ver se a Federación empeza a traballar un pouco máis. Fan falta competicións, escolas para nenos... Alégrome moito dos éxitos do Dépor e do Liceo, pero creo que hai cabida para o fútbol praia tamén"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso