CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Héctor Hernández: "A afección do Dépor está entre o top 10, e refírome ás afeccións de 1ª División"

22/04/2021 - 15:22 h

Da man de Javi Torres pasou pola 'Zona mixta' un dos xogadores do Deportivo que máis destaca en sentido do humor e capacidade muscular ten, Héctor Hernández, que tomaba ben o cumprimento: "En todas as entrevistas dinme algo relacionado coa miña forma de ser, e non me importa. Prefiro ter fama de sentido do humor, a verdade, e que falen de min por iso"

Logo diso, entraron en faena, falando da temporada dos branquiazuis: "No Dépor esta tempada non está a saír como esperabamos. Pensabamos que ía ser un ano de ascenso, decatámonos tarde do dificil que era esta categoría. Chegar á 1ª RFEF é como ir ao 'play-off' e quedar eliminados. Hai que conseguir entrar entre os dous primeiros"

Sobre o novo adestrador, falou moi ben: "Desde que chegou Rubén de la Barrera deume a oportunidade de xogar desde o principio e trato de devolverllo ao máximo poñendo os meus sentidos ao tope. Custou impoñer métodos como en todo equipo cando chegas cunhas ideas novas. Agora o Dépor ten unha idea clara, cando o equipo mete un gol vai polo segundo. Igual antes encaixabamos o primeiro e xa tiñamos medos. Tiñamos fantasmas que facían que nos tirásemos cara atrás despois de marcar"

Sobre se é dos máis 'cachas' do equipo, desmentiu que fose así, aínda que é evidente que é un avance moi grande o que fixo nos últimos anos neste aspecto: "No tema do ximnasio temos un protocolo: estamos Borja Galán, Celso Borges e eu no grupo onde facemos musculación. En petit comité, agora que non nos escoitan, eu escapo do traballo de pesas, fago algo, pero non tanto como eles. É evidente que a preparación neste sentido cambiou no fútbol. Todo está en darte conta de que dependes do teu  corpo. A cabeza faiche un click un día e cambias. Cando fas o click na cabeza decátaste de que tes que melllorar por exemplo o tren superior e o inferior. E máis nun defensa, como na estatura non vou medrar, podo fortalecer outras cousas para equilibralo"

Sobre a súa extensa carreira en canto a equipos louvou a afección do Depor: "Eu vin a Galicia con diferentes equipos. Vir a Riazor co estadio cheo e a afección sen parar de animar... é unha sensación única. A afección do R. C. Deportivo está entre o top10 das afeccións, e refírome ás de Primeira. Estou desexando que acabe esta merda, esta pandemia, e gozar deles. Pasei por moitos equipos e quedo con todas as experiencias. Aquí son moi feliz, iso téñoo moi claro. Cando deixe o fútbol vou seguir neste mundo. No Fantasy vou último agora mesmo, e teño un equipazo. Critícanme, pero non renuncio aos meus principios. A morte cos meus xogadores e a calidade, non renuncio a acabar máis arriba", rematou con humor, como non.

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso