CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Marnotes, presidente do Arenteiro: "Paseas polo Carballiño e ves todo pechado. Eles axudaron sempre os equipos da vila, como llelo podemos devolver nós?"

21/10/2020 - 15:28 h

Por Zona mixta pasou Argimiro Marnotes, presidente do C. D. Arenteiro, cunha dura situación no concello do Carballiño, un dos tres da provincia de Ourense no que se prohiben todas as actividades non esenciais. Que pasa co deporte? Xogará o equipo verde?

Marnotes ten claro que farán o posible porque así sexa: "Estamos á espera do texto do DOG de mañá para saber se as competicións de ámbito nacional con protocolo anticovid poden celebrarse. Poden pasar dúas cousas: xogar a porta pechada ou ir a un concello fóra do Carballiño, para adestrarse e xogar. Imos poñer todo para que se xogue. Podemos adestrarnos en Cea e logo xogaremos nun campo fóra do Carballiño. Pero claro, estamos nesta situación de incerteza...".

Unha situación que emocionaba o mandatario: "Dá pena pasear pola vila e ver todos os comercios pechados. A Terceira está tomando medidas: tests, protocolos..., pero sempre hai cousas impredicibles, que escapan, o que xera incerteza, e incluso malestar, no afeccionado. O que pasa aquí pasa na inmensa maioría dos equipos da Terceira. Surtímonos dos comercios e da hostalaría... e preguntámonos... que podemos facer por eles?".

O deporte parece algo menor ao lado da situación sanitaria que se está a vivir, pero tamén ten a súa importancia: "Animámonos uns aos outros, pero isto é unha envolvente, un arrastre para todo o sistema produtivo e o deporte. O fútbol ten que ter futuro, hai que tomar medidas este ano para que siga funcionando en vindeiras temporadas".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso