CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Pablo Viana, avogado: "O percorrido xudicial da reclamación do Deportivo non ten futuro, como moito unha indemnización dentro duns anos"

21/07/2020 - 15:15 h

O avogado Pablo Viana pasou pola Zona mixta da Radio Galega para falar das posibilidades dos recursos e a vía xudicial no club branco e azul:

"Esta situación non ten precedentes. Nunca houbo unha suspensión dun partido nun horario unificado. Outra situación excepcional máis. Pero vexo francamente complicado xuridicamente que vaia adiante calquera demanda vía deportiva ou xudicial para o Dépor. Todo se basea nunha circular interna sobre o horario e unha vez que se acepta, parece complicado que se poida recelebrar. Hai outros ámbitos, a viaxe do Fuenlabrada si, pero por outra vía. A orixinalidade en dereito é moi difícil de sacar adiante".

Amosábase amolado polos coñecidos que ten na cidade herculina: "Teño moitos amigos na Coruña, sobre todo Fernando Vázquez, e non é xusto que isto acabe así, pero non lle vexo percorrido a falta dun estudo máis profundo. Alterar todo por un partido que non é unha final non o vexo. Os resultados de Lugo e Albacete non se poden cambiar".

Ve posibilidades, iso si, dunha indemnización: "Unha responsabilidade patrimonial, seguramente millonaria? Podería ser, pero non creo que uns millóns de euros lle poidan solucionar algo ao R. C. Deportivo. E dentro dun ano ou dous, nin será noticia xornalística. Todo isto falando a priori".

Sobre a posibilidade de que varios clubs se unan para unha reclamación dixo que é un camiño case imposible: "Unha demanda conxunta? Quen xunta a todos sendo rivais, a toda a categoría? Todo para conseguir unha liga de 24. Coñecendo a Tebas, nin se plantea iso, e tiraría de póliza de seguros. É unha desgraza, pero é así".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso