CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Óscar Gilsanz, adestrador dos xuvenís do Deportivo: “Fuga de talentos? Os peixes máis grandes comen os pequenos en todo”

21/06/2021 - 15:31 h

Hoxe é un día de celebración na canteira do Deportivo. O equipo xuvenil clasificouse para a final a catro da Copa de Campións nacional e por 'Zona mixta' pasou o seu adestrador, Óscar Gilsanz.

A pesar dos penaltis, non se considera alguén sen temple: "Non pasei moitos nervios. Non son especialmente nervioso e quero sempre transmitir calma. Sobre todo nos penaltis hai que estar tranquilos. Senteime no banco a mirar e algún xogador víñate chamar, ei míster! Para os penaltis, loxicamente non tes a mesma información que no fútbol profesional, só unha pouca, vendo os últimos 5-6 partidos do rival. O noso porteiro, Brais, é moi tranquilo e antes de empezar xa lles dixen: tranquilos que temos un bo porteiro e imos pasar. Brais é moi intuitivo. A ledicia cando gañamos foi cos xogadores, pero o primeiro que me pedía o corpo era felicitar o rival: foi unha eliminatoria moi igualada".

E o certo é que as condicións meteorolóxicas non foron as peores: "Pasamos máis calor en Abegondo a semana pasada que esta fin de semana nas Palmas. Agora toca o Madrid, que xa por nome impón en calquera categoría e calquera deporte en que xogue. Desde onte logo da ledicia, temos na cabeza o respecto cara a eles, pero tamén a ilusión por seguir medrando. Se non somos quen de gañarlle ao Madrid, felicitaremos igual os futbolistas. A fin última de calqueira canteira é surtir o primeiro equipo. Nestas últimas fases a formación debe complementarse cun nivel competitivo grande. Hai que ir con moitísima paciencia, o paso ao primeiro equipo ten que ser gradual

E non eludiu a pregunta sobre a fuga de canteiráns a outros equipos máis poderosos que sucede en moitos clubs hoxe en día:

"Hai talento e esperemos que non se produza fuga de xogadores. Gustaríame que o fútbol fose máis nostálxico, pero igual é pedirlle moito ao negocio. O peixe grande come o pequeno. O rico cada véz é máis rico e os pobres cada vez máis pobres. Pasa en todas as categorías"

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso