CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Sergio: "Todos os compañeiros queren que Aspas estea no campo. Pero ninguén é Supermán. O mellor é falalo con el"

20/10/2021 - 15:14 h

Para darlles aos xuvenís do Dépor aínda máis enerxía no partido de hoxe, en Zona mixta pediron axuda a outro dos que protagonizou aquela xesta co Milán, esa e algunha máis. Foi xogador do Deportivo, agora é adestrador, Sergio González: "Repasar o pasado para estes rapaces que tiñan un ano cando se xogou do Dépor-Milán axuda. Teñen que ter confianza cega neles mesmos, esa é a clave. Que hoxe estea Noel no campo vaille dar moitos azos aos xogadores de Manuel Pablo para poder crer en marcar goles e na remonta para superar o equipo polaco. Borja deulle unha boa oportunidade a Noel e el a está aproveitando. Borja ve o día a día e creo que o está a levar o mellor que se pode. O olfacto como xogador ou a preparación de moitos anos como técnico dáche o saber se vales con 18 anos. Pestanexas un pouco e xa sabes quen a está a romper".

Tamén falou de se ve alguén coma el neste Depor actual: "Estiveron Borges e Vicente no meu lugar nese centro do campo nestes anos e non acabaron de triunfar. Creo que Villares si pode ter un gran futuro e ser unha ligazón perfecta entre fase defensiva e ofensiva. O Dépor fichou moi bos xogadores este ano".

Pero tamén aproveitaron ter un adestrador de primeira división para falar do noso representante na categoría: "O Celta do Chacho sorprendeu o ano pasado co 4-4-2 en rombo. Agora está máis estudado e xa se buscan antídotos. Cando Aspas non está a tope tamén se nota, claro, pero sen estar aí, sen ter a información de primeira man, non podo coñecer por que non está ao 100 %. Os compañeiros sempre queren ter un xogador como Iago ao seu carón no campo, pero non é Supermán. Dosificalo? Todo é falalo con el e ver se sería o mellor para Aspas e para o equipo. Con números, imaxes e datos pódeselle demostrar se é así e será o mellor para todos".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso