Zona Mixta
Sid Lowe ('The Guardian'): "Creo que a última xornada non se debeu xogar nunca. Ao Depor quitáronlle un dereito fundamental"
Hoxe tiveron un convidado moi particular na Zona mixta. Nin é galego, nin é deportista, pero fala de marabilla sobre deportes, ademais de escribir coma os anxos.
O domingo, no regreso a Riazor, Javi Torres atopouse con alguén que ten un punto de vista diferente neste noso territorio do deporte, Sid Lowe.
Empezou falando do tema do día, os horarios no fútbol español e o enfrontamento entre Liga e Federación, xa clásico: "Cando vin o que pasou hoxe co tema dos horarios, dixen, tiro a toalla! Dáme moita pereza, é surrealista. Hai cousas que pasan no fútbol español difíciles de tragar e a prensa deportiva española dáo por normal. E non debe ser así. Isto dá unha imaxe moi mala do fútbol español. Eu vivo aquí e traballo aquí, pero creo que a Premier está por riba da Liga Española".
E que é o que move a un xornalista coma el a ir a Riazor a cubrir o partido entre o equipo local e o Salamanca na 2ªB. Así o explicaba o xornalista de The Guardian: "O que me gusta do fútbol aquí é a riqueza, a carga social, que logo non se reflicte nos medios por culpa do dominio de Madrid e Barça. O bo do fútbol en España é a riqueza da masa social. Quería ver á afección, e por iso decidín ir a Riazor. O gol do minuto 97 sen xente nas gradas non é o mesmo. Levaba sete meses esperando isto. O Depor é o club máis grande de 2b, por iso decidín cubrir este partido. Cando saíu Abad a quentar, xa se notaba que a afección cos seus aplausos quería axudar ao equipo. Ese éxtase ao final espero que se poida seguir vivindo. Non foi o final perfecto o do gol, foi un principio".
E preguntado polo equipo branquiazul, deu toda clase de detalles sobre o que lle pasou nos últimos tempos: "Creo que a última xornada non se debeu xogar nunca. Ao R. C. Deportivo quitáronlle un dereito fundamental desde a mesma perspectiva de La Liga que crea o horario unificado nas dúas últimas xornadas. Non se sabe como serían os resultados. Baixalos a 2ª B? Pois terá que decidir un xuíz o como e o que. Non sei se foi o mellor que empezasen nesa categoría esta tempada. Teño que dicir que aquí neste caso hai cousas que cheiran moi mal. E eu son do Oviedo, non do Dépor. Iso si, sen querer no gol do final berrei un par de palabras en inglés que non debería dicir... pero é que son sete meses desexando vivir todo isto".