CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Lemos: "Se por min fose non lles deixaría escoitar a radio aos xogadores. O Dépor ten que ir a gañar e nada máis"

20/07/2020 - 15:07 h

Xosé Luis Lemos, adestrador do Bergantiños pasou hoxe pola Zona Mixta para analizar o partido que lle agarda ao Deportivo hoxe en Riazor contra o Fuenlabrada, un encontro vital para os branquiazuis.

Falou de como se atopa antes do encontro: "Hai que ser optimista, pero primeiro facer os teus deberes. Agora si que é unha auténtica final, perdida a bala de Anduva. Hai que facer un partido no que teñas posibilidades de gañar, que isto non se veu nos últimos encontros

Se el fose hoxe o adestrador tería claro como afrontar o encontro, e falou do nome da semana, Emre: "Eu sairía con 4 atrás e calidade nas liñas avanzadas. Çolak? De inicio igual non, pero se falamos de calidade, hai xogadores como el que se están motivados e arriscan en zonas que o pode facer, podería ser da partida"

Sobre o equipo de Sandoval pensa que non o vai poñer nada doado: "O Fuenlabrada vai esperar con presión forte. O Dépor necesita futbolistas de toque e precisión e chegar por fóra. A nivel defensivo as vixilancias son fundamentais para evitar o contraataque. O primeiro gol é fundamental para o Dépor, evitará a ansia e dará paciencia"

E sobre un ollo, ou a orella posta noutro campo, afirmou: "Se por min fose, non lles deixaría os xogadores saber como van noutros campos, aínda que é moi difícil. O Dépor ten que ir polo partido e agardar que o Cádiz cumpra. Tamén creo que se vai salvar o Lugo"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso