Zona Mixta
Este xoves, a Radio Galega transmite o Real Sociedad-Celta
'Galicia en goles' prepara unha edición especial para este xoves. A partir das oito e media da tarde, Paco Santos conduce a retransmisión do partido da liga de Primeira División entre a Real Sociedad e o Celta de Vigo. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración do xogo que se desenvolva sobre o céspede de Anoeta, cos comentarios dos especialistas Víctor López, Moncho Carnero e Jose Valtierra.
O Celta visita San Sebastián tras empatar o domingo pasado en Cádiz a cero goles e días antes de recibir a Osasuna en Balaídos. O obxectivo europeo do equipo galego semella cada semana máis complicado, pois está a nove puntos do sétimo, que é precisamente o equipo donostiarra, cando só faltan sete xornadas. A vitoria é o único resultado válido para o equipo de Coudet con vistas a seguir soñando coa sétima praza, aínda que o empate non sería un resultado malo pensando en garantir canto antes a permanencia matemática na categoría.
Ao remate do 'Galicia en goles', ás 11 da noite, comezará a edición diaria de 'Ao contraataque'. Pedro Pablo Alonso conectará coa sala de prensa para escoitar a conferencia de prensa do adestrador do Celta e, posteriormente, abrirá mesa de debate cos analistas na cobertura do Celta.