CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Támara Echegoyen: "Estanme todos empurrando para que siga en París. Estouno barallando"

19/10/2021 - 15:44 h

En Zona mixta conversaron con Támara Echegoyen, que acaba de participar na nova Liga das Estrelas da Vela. Trátase dunha nova competición que queren poñer en marcha o vindeiro ano: "Queren facer un mundial cos mellores regatistas de todo o planeta. Cada capitán decide a quen convoca. Nun mesmo campo de regatas haberá un montón de estrelas competindo en diferentes embarcacións e mesturados. Polo noso equipo xa temos figuras consolidadas e algunha nova promesa. Para min estar con xente como Roberto Bermúdez de Castro e Doreste é unha aprendizaxe diaria"

Esta foi a súa experiencia: "O equipo foi moi ben, non tivemos moito tempo de adestrar antes da competición, pero quedamos quintos e en dúas horas poder adaptarse e facelo ben é unha aprendizaxe. É unha grande oportunidade competir cos mellores. Estar mesturados en diferentes barcos é moi interesante. Pero a verdade é que se miro outros barcos só vexo rivais. O próximo ano vanse xuntar moitas estrelas da vela".

E o futuro? Como é o inmediato? Irá a París? Pois semella que si: "A verdade é que despois dos XXOO hai un parón con tanto cambio de modalidade. Se deixas de adestrar, perdes o costume. Non esqueces, como subir en bici, pero si perdes. Así e todo, xa me están empurrando todos de cara a que sigua cara a París, Chuni entre eles".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso