CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Falamos co xuíz que perseguiu unha atleta por non respectar a distancia: "A norma non nos gusta, pero fíxose o correcto"

16/10/2020 - 15:42 h

En Zona Mixta tamén prestaron atención á polémica que esta semana se vive no atletismo galego. Foi nos campionatos sub16 e sub14 que se disputaron hai us días en Pontevedra. Na proba dos 3000 feminino, un xuíz, o director de protoloco de coronavirus da Federación Galega acabou saindo á pista para perseguir e deter unha rapaza.

Eladio Gómez, o xuíz, afastaba a polémica: "Estou tranquilo a pesar da lea que se montou por redes, fixen o que tiña que facer. Esa carreira desde o inicio foi complicada... as atletas tiñan marcas semellantes e ían moi xuntas desde o principio e non gardaban distancias de seguridade. Foron advertidas. Polo efecto da carreira e as indicacións foron atendendo a estas, pero esta atleta igual ía moi concentrada e non a atendeu. A norma non é que nos guste, pero tiven que atendela e por iso a apartei. A normativa da Xunta é clara e os atletas teñen que cumprir. As atletas teñen que manter a distancia e tamén adiantar por outra rúa. O protocolo é o que é. Igual vai en contra do propio espírito deste deporte, pero é a realidade da norma. Temos unha situación sanitaria complicada, a min gustaríame o atletismo de toda a vida, pero é o que hai, e pasa en todos os ámbitos da vida. Ou se gardan estas normas ou se ten que cronometrar a cada corredor por separado. Na Federación Galega de Atletismo estamos ben orgullosos de como o levamos e aínda non tivemos ningún gromo"

Tamén negou que utilizase malas maneiras para afastar a rapaza: "As miñas formas para retirala foron correctísimas e en presenza de árbitros e xuices responsables. Non teño nada do que me arrepentir"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso