CRTVG

Buscar

Zona Mixta

David Vidal: "O Cádiz de Cervera non é aburrido, é o mellor adestrador da historia do equipo, incluíndome a min"

16/09/2021 - 15:02 h

Mañá venres temos xa dous partidos de fútbol e en Zona mixta quixeron falar do Celta-Cádiz, e de mil cousas máis, cun comentarista de luxo, David Vidal: "Levo 42 anos en Cádiz, pero o acento galego nunca o perdín, cando podo, aproveito para falalo, como agora con vós, espero facelo ben. Estiven en moitos equipos e antes de xogador. Vexo moitos partidos á semana, teño 71 anos e tiven aínda dúas ou tres ofertas para adestrar. Unha delas en Galicia, pero vou adestrar en Nadal. Como bo exfutbolista estou afeito a levantarme tarde e traballar 2-3 horas ao día. Pero quero adestrar, estando con 25 xogadores tes outra responsabilidade. Nun día normal, levántome e abúrrome, vou ao barco, volvo..., se adestras tes unha obsesión desde que te levantas. En decembro algún equipo seguro que me vai chamar, de 2ªB ou de 3ª, pero non sei se en Galicia ou fóra. Se vos digo o equipo que me quixo este verán en Galicia, xa sabedes o mesmo ca min"

Sobre o partido e o equipo celeste, como co demais, estendeuse e falou devagar: "Non vexo o Celta para ir a Europa, porque non gañou un partido aínda, para empezar. É moi importante a velocidade no xogo, como no Inter-Real Madrid de onte. O fútbol cambiou moito, e creo que en moitos casos para peor. Fai falta rapidez, é a chave hoxe en día para ser competitivo. O Cádiz de Cervera non é aburrido, é o mellor adestrador da historia do equipo, incluíndome a min, que estiven 9 anos aí, e tiven a Mágico. Mágico González era un crack. Estamos baixando o nivel da Liga en calidade e maxia. Somos sétimos ou oitavos agora mesmo en calidade, igual que a Selección. Tocamos moito balón e aburrimos ás ovellas. Isto é para chorar, un fútbol paupérrimo"

E non só da Liga e da Selección, tivo tempo para falar da arbitraxe: "Estou totalmente en contra do VAR tal como está instituído. Os árbitros ven unha hora e media á semana a un xogador. Os adestradores coñecémolos de sobra. No VAR teñen que estar os que coñecen os xogadores, se os árbitros non saben os que son 'pícaros' non deben estar aí"

E sobre o fútbol galego tamén ten opinión: "Gústame moito o Lugo. O que adestra é o preparador físico, pero o adestrador é o que ten as chaves para mandar e ordenar os xogadores no campo. Se non llelo dis, estás perdido. No Murcia os xogadores dicíanme que estaban de min ata as mesmísimas porque lles falaba 20 minutos seguidos"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso