Zona Mixta
Miriam Ríos: "Chorei moitísimo ao saber que non seguía, pero se queren que volva ao Dépor, como se é de utilleira"
Hoxe pasou polo Zona mixta a abandeirada deportivista, Miriam Ríos, que representou a forza do equipo feminino vestida como María Pita co cancelo #QuenTeñaHonraQueMeSiga, e que abandona o club para viaxar ata as illas xogando co Tacuense.
O primeiro, quixemos saber como tomou a saída e como se vai chamas agora no Twitter: "Nas redes sociais teño que pensar se me cambio o nome, non creo, sempre vou ser Miriam a do Dépor. Eu non quería retirarme do verde. Ofrecéronme seguir vinculada ao club, sen especificarme nada, pero xa tiña decidido seguir dándoo todo no céspede, por iso vou ao Tacuense".
O momento en que soubo que non seguía foi moi duro, así nolo contaba: "Chorei moitísimo cando souben que non ía seguir aquí. Víao vir: xogaba pouco, o Dépor quere ter un cadro novo, pero a ilusión non a perdía. Houbo máis ofertas que as do Tacuense, e fieime das sensacións que me transmitiron os directores deportivos".
Pero entendeuno, sabe que o club vai cambiar moito este ano: "Aínda que chorei moito ao sabelo, hai que entendelo. O Dépor ten un bloque moi unido, renovado e moi bonito e con rapazas que veñen de abaixo. Vai ser imposible repetir esta tempada, non se poden dar todos os condicionantes que se deron este ano".
Sobre o futuro inmediato e a máis longo prazo, foi moi clara: "Penso só no Tacuense. Se queren que cando remate o fútbol, volva ao Dépor, volverei, como se é de utilleira. En todo caso, xogarei nos veteranos. Son educadora infantil, o fútbol e os nenos son a miña vida. Espero ser profe e míster tamén, por que non?".
Sobre as súas xa excompañeiras afirmou: "Capitás para o vindeiro ano? Agora están Iris, Alba... Cris Martínez ten que ser a próxima capitá e con honra".