Zona Mixta
Gonzalo P. Jácome: "Vexo viable un club único en Ourense, sen cartos públicos, sempre que academos a 2ª división"
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pasou pola Zona Mixta da Radio Galega para falar da súa idea de crear un club único na cidade.
Contou como foi esa viaxe a Madrid e o que saíu dos primeiros contactos que tivo con directivos de Ourense C. F. e U. D. Ourense: "Os primeiros contactos cos mandatarios de Ourense C. F. e U. D. Ourense foron ben. Eu díxenlles que a idea é facer da SAD unha entidade pública e logo unir os dous equipos, é máis complexo, pero finalmente pódese levar a cabo".
Afirmou que, en todo caso, a fórmula non vai custar cartos públicos aos cidadáns ourensáns: "Non dixen que iamos poñer cartos desde o Concello. Poderiamos facernos coas accións maioritarias do club por un euro, facéndonos cargo da débeda. Non queremos que lle custe cartos ao erario público. O club sería dos ourensáns, pero non terían que poñer nada".
Pero é evidente que o Ourense ten unha débeda: "O Ourense agora debe 650.000 euros. Eu fun un pioneiro cuestionando que os concellos puxeran cartos públicos nun equipo de fúbol, pero este caso é diferente e creo que Ourense debe estar representada nunha categoría superior, sen custar cartos aos ourensáns. O que hai que facer é conseguir patrocinadores e eu estou en condicións de logralo".
E a viabilidade desta fórmula? Non ve moitos atrancos, se se cumpren certas condicións: "A viabilidade está no fútbol a partir da Segunda División, por baixo diso é moito máis complicado. Hai poderes fácticos que están en contra, como o xornal La Región que trata de enzoufar. Cos dez directivos que contactamos hai acordo, se pensan todos así, haberá quorum para facelo".
E cuestionado por un prazo exacto afirmou Jácome que non quere poñer datas, pero deixou no aire unha posibildade: "Creo que falar dun prazo é precipitado, pero espero ter todo encamiñado a 25 de xullo. Queremos que a unión estea resolta antes dos play-offs"