CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Colinas: “A partir de júnior as chamadas de universidades americanas por Raquel Carrera eran constantes”

16/04/2021 - 15:04 h

A galega Raquel Carrera converteuse hoxe na xogadora de baloncesto española elixida nun posto máis alto do 'draft' da WNBA. Por Zona Mixta pasou o home que a levou a Vigo cando era unha nena, Carlos Colinas, que nos contou como foi a súa traxectoria: "En categoría infantil os nosos equipos xa xogaran contra o de Raquel e fixémoslle unha bolsa de 4 anos para que estuadase e xogase en Vigo no Celta Baloncesto, pero non sospeitabamos que ía chegar onde chegou. En Raquel había algo no olfacto que dicía que podía ser unha xogadora importante. Raquel dixo non a propostas moi atractivas por quedar en Vigo, nas súas palabras, onde tiña que estar. Laura Alonso foi a súa "mamá' postiza porque Raquel tiña a familia en Ourense e vivía en Vigo. Creou unha relación moi especial con ela que as uníu moito tempo. Xa vimos desde o principio que as competicións que lle correspondían por idade, quedábanlle pequenas. Con 14 anos xogou coa Selección Española sub-17, aínda non tivo un rol importante, serviulle para mellorar e desenvolverse. A partir do 3º ano xa se deu a coñecer no seu primeiro ano júnior. Chamaban moitos equipos das universidades dos Estados Unidos e de moitos equipos da Liga Feminina que xa a querían daquela. Tiñamos claro como proxecto que se non conseguía o Celta o ascenso á Liga Feminina 1, Raquel tería que marchar. Cando pasase a sénior sabiamos que non a podiamos reter, como no caso de Maria Araujo, que marchou a Ferrol. Raquel marchou ao Valencia"

Sobre o seu futuro, sinalaba Colinas: "A Raquel pasáronlle moitas cousas en moito tempo. A decisión de fichar en Valencia foi acertada. A partir de aquí co escenario WNBA, xa houbo xogadoras como Alba Torrens que decidiron non ir, e máis coincidindo no verán coas convocatorias da Selección. Eu creo que a elección de Atlanta é a medio prazo, intúen o potencial e queren asegurar unha moi boa xogadora con 19 anos. Aí Raquel xa ten que decidir en 2-3 anos se quere ir coa selección no verán ou ir a EE.UU., pero a experiencia en todo caso vai ser boa"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso