CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Miriam, nai de Erik Lamela: "Tras a Arousa Cup chamounos o Barcelona, pero eu preferín que seguise aquí, era moi cativo"

15/10/2021 - 15:08 h

En Zona mixta falaron na previa do Celta-Sevilla con Miriam Cordero, nai de Erik Lamela, que desde A Arxentina contou as orixes galegas da familia en Vilalba: "Eu nacín na Arxentina, pero meus avós son de Ourense e Coruña, e por parte da familia do meu home, son todos de Vilalba. Cando podemos imos aló e quedamos. Nós considerámonos galegos de orixe. Cando vamos por Vilalba estamos varios días, gústanos. Cando Erik vén por Galicia ao saír a cear algúns coñecíano, polos primos, sobre todo".

Comentamos o que pasou tras a Arousa Cup cando un neno de 12 anos, Erik lamela veu co River e foi o máximo goleador e elixido MVP do torneo: "Sevilla, Barça e Deportivo querían a Erik logo do torneo. River non nos dixo nada. Logo fomos a Barcelona uns días e ofrecíannos boas condicións para estar na Masía. O seu pai si quería, pero eu non estaba convencida e non quixen. Ao final River ofreceunos o mesmo que nos daba o Barça e quedamos aquí... e aquí triunfou. Logo xa marchou a Roma e a partir de aí todo xa é coñecido. Cando pasou todo iso do torneo en Galicia el era un neno e facíanos caso a todo o que lle diciamos".

Desmentiu, iso si, que houbese equipos galegos interesados daquela en Erik: "Que eu saiba nin Deportivo nin Celta se puxeron en contacto con River ou con nós directamente. Si é certo que hai unha foto del coa camiseta do Dépor, pero agasallárona, el coleccionaba de moitos equipos, sobre todo brasileiros".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso