CRTVG

Buscar

Zona Mixta

A odisea do Cidade das Burgas para xogar en Cataluña. M. Codeso: "Estamos pensando incluso pasar a noite no autobús"

15/10/2020 - 15:41 h

O adestrador de Cidade das Burgas relatou en Zona mixta a odisea que está a vivir o seu equipo para viaxar ata Cataluña, nunha situación moi complexa pola covid-19.

O problema non é por chegar, senón o aloxamento e os servizos que precisan, non atopan hoteis para a expedición de vinte persoas nin restaurantes onde lles sirvan o que precisan: "Levamos varios días intentando organizar a viaxe, a día de hoxe non sabemos nin a hora de saída mañá pola mañá. Non hai hoteis que nos dean sitio para almorzar, comer ou durmir 20 persoas. Incluso pensamos en pasar a noite no autobús. Coas novas medidas en Cataluña o protocolo fai imposible a organización da viaxe. Estamos intentando conseguir servizo e lugar onde pasar a noite".

Sobre o calendario e o futuro máis inmediato afirmou: "Xa nos cambiaron o calendario hai pouco e queren empezar si ou si. Nós somos un club modesto e non imos ir contra a Federación. Sería perda dos tres puntos, posible multa económica e enfrontamento contra eles. Somos humildes e queremos viaxar para cumprir".

Hai pouco anunciaba un xogador non profesional que deixaba o deporte, polo menos momentaneamente, debido a que non podía expoñerse a unha corentena nestes momentos: "Falando do caso de Chapela, nós tampouco somos profesionais. Naír non vai viaxar polo seu traballo cos nenos, Ana está pendente das listaxes de profesora nos colexios. Imos coas xogadoras que poden. Xa lles dixen que sen presión, pero temos un límite".

Un límite que tamén lle acae ao propio Codeso: "Eu tampouco vivo disto. Amo este deporte e estou disposto a confinarme 1, 2 veces... pero terei que pensar se a partir de aí o podo facer porque teño unha familia e dependemos da miña empresa. É unha situación complexa aínda que sexamos en certo modo privilexiados. Pero hai que vivir".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso