CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Pablo Antas: "Subscribo cada unha das palabras de Michel Alonso sobre o formato de competición na 2ªB"

15/03/2021 - 15:22 h

Despois de conseguir o obxectivo de manterse na categoría, o xogador da S. D. Compostela, Pablo Antas, pasou por 'Zona mixta' para contarnos como se senten despois de asegurar o punto co Zamora: "Quedaban dez minutos finais e estaba claro que ninguén quería arriscar. Deuse a circunstancia. Non hai negociación, déronse resultados e co empate xa certicabamos ter 4 equipos por debaixo... a eles chegáballes tamén para estar entre os tres primeiros... Cada un mira polo seu interese. Nós non queriamos perder o punto, a eles valíalles. Desde dentro vívelo con tensión e decidimos non arriscar... é unha situación que pode parecer embarazosa, pero sucede"

Así falaba dun obxectivo que non mudou desde hai moito tempo: "Desde inicio da tempada tiñamos claro que o obxectivo era manterse. Hai moita xente vantaxista que dicía que non tiñamos equipo para estar aquí. Nós non cambiamos nunca de discurso, tanto corpo técnico como xogadores. A partir de agora temos licenza para soñar. Hai que ir dando pasiños, isto non é cousa de 2 ou 3 meses. Non hai que perder a cabeza nin desvirtuar o obxectivo. Vimos equipos aos que lles pasou e están onde están. Eu xa vivín Terceira, un ascenso que custou moitos anos... Vaiamos pasiño a pasiño. Estamos orgullosos do que facemos e do grupo que formamos"

E xa coa vista posta na última xornada, a unificada: "Imos saír como se necesitaramos os tres puntos, sobre todo porque os arrastras á segunda fase. Incluso, en certas circunstancias, podemos entrar entre os tres primeiros. O que pase nos outros campos... non digo que non importe, pero non me preocupa"

E finalmente concordaba totalmente co adestrador do Coruxo nas súas palabras de onte, cando cualificou o formato desta competición como 'puta merda': "Sobre as palabras de Michel Alonso, subscribo cada unha das palabras que dixo onte. Coñézoo moi ben. Onte perderon tres a cero, pero non é un comentario vantaxista. Díxoo desde o inicio e penso igual ca el. Competición atractiva e moi seguida, pero... desde fóra. Para o espectador desde fóra pode estar ben. Unha mala xeira, uns positivos nun equipo... poden afundirte totalmente con este formato"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso