CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Yoseba MP pinta a señora Lola en Pasarón: "A historia era moi boa e cadraba coa das mulleres con superpoderes"

13/10/2020 - 15:30 h

En Pontevedra lembran moito a señora Lola, Dolores Calviño, traballadora do club durante décadas e lavandeira da roupa dos futbolistas. Joseba Muruzábal, coñecido por homenaxear as mulleres de Galicia en paredes de todo o país, recibiu o encargo do Concello de Pontevedra de pintala, e pasou pola Zona mixta para contárnolo.

O traballo foi un encargo e así comezou o proceso para Yoseba MP: "Mandáronme unha foto, a de Miguel Vidal, -que xa é icónica en Pontevedra- onde se ve a Dolores Calviño celebrando un gol, creo que de ascenso. Fixéronme este encargo e ía na miña liña de mulleres con superpoderes. A señora Lola é unha delas".

Contounos que incluso entre os xornalistas era unha inspiración: "Modesto Pillado escribía unha columna que se chamaba Cartas á señora Lola.

E confesounos algo moi curioso: "Este é o primeiro mural que fixen sobre unha muller á que non coñecín. Eu normalmente fago o contrario, pinto mulleres anónimas, non unha tan coñecida como ela. Dolores aparece mirando para o estadio e creo que desde algún punto de Pasarón vaise ver. A nivel familiar, a nivel club é unha muller moi coñecida polos pontevedreses".

E finalmente, sobre o proceso creativo, ao ser sobre uralita, preséntalle dificultades técnicas: "A ver se acabo pronto porque o guindastre págoo eu. Xa borrei tres veces parte do que fixen".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso