Zona Mixta
Pablo Torras: "Se os Comités non lle dan a razón ao Dépor e descendese, imaxino que irá pola vía xudicial"
Hoxe pasou por Zona Mixta Pablo Torras, avogado deportivo, para analizar a reclamación do RC Deportivo sobre unha posible ilegalidade por parte do Extremadura no partido que gañou este domingo por 2-3, e foi contundente: "Non vexo percorrido á reclamación do Deportivo pola suposta aliñación indebida do Extremadura en Riazor. Os estremeños nunca deixaron de estar integrados por sete xogadores do primeiro equipo, foron 20 segundos fóra do campo porque o xogador estaba mancado".
E sobre o percorrido xudicial do caso dixo que non había precedente claro: "O Deportivo vai tratar de aferrarse a que durante unha parte do encontro non se deu esta aliñación de sete. Vai solicitar seguramente unha medida cautelar, ambos os comités supoño que decidirán antes do próximo partido. Houbo un caso semellante hai pouco, pero houbo expulsión".
Contestou á posibilidade dunha reclamación do Dépor se a reclamación fose desestimada e se había posibilidades máis aló dos comités deportivos: "Se os comités de Competición e Apelación non lle dan a razón ao Dépor e se este descende finalmente, supoño que o Deportivo si que podería ir por vía xudicial para conseguir eses tres puntos. Pero vexo case imposible este feito", rematou.