CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Diego Calviño: "A apnea non só é un deporte, tamén un estilo de vida que trae paz interior e axuda a xestionar o estrés"

13/04/2021 - 15:41 h

Na 'Zona mixta' hoxe colleron aire para aguantalo porque falaron de apnea. Esta fin de semana celebrábase o campionato galego baixo teito. O organizador e tamén habitual competidor, Diego Calviño, pasou polos micros da Radio Galega: "Por suposto que a apnea é un deporte, e non só iso, tamén un estilo de vida. Trae paz interior, relaxación, facilidade para xestionar o estrés... Coas medidas de seguridade axeitadas e sen buscar o fallo, seis minutos sen respirar non é algo inhabitual. Xa chegar a 7, 8 ou 9 é moito, pero mira, o récord nacional está en 9.36. No Campionato Galego Xan Lamas fixo 150 metros de distancia e o récord galego é de 215 metros. Eu tamén compito e normalmente os galegos estamos nos podios de autonomías".

Tamén nos falou de como se chega aí: "Hai xente que vén da pesca submarina. Moitos comezamos así e acabamos tirando pola apnea. Constantes na práctica somos cinco ou seis deportistas en Galicia, que nos dedicamos a isto. Só poden ir tres por disciplina e autonomía, co cal hai esa limitación tamén"

E sobre se importa máis a preparación mental ou a física, cre a que primeira ten máis prevalencia neste deporte: "Hai un compoñente de autocontrol moi importante neste deporte para conseguir as menos pulsacións posibles. O físico é importante, pero o factor psicolóxico é fundamental nesta disciplina"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso