Zona Mixta
Anxo Soutullo (Amegrove): "Temos remeiros buscando traballo na hostalaría, outros coidando familiares; imposible competir"
Anxo Soutullo, presidente de Amegrove, pasou hoxe por Zona mixta para explicar por que non van competir na Liga Galega de Traiñeiras logo deste comunicado:
"Tras os inconvenientes e imprevistos xerados polo COVID-19, e moi ao noso pesar, temos que comunicar que a Pabliño non competirá finalmente este ano na Liga Galega de Traiñeiras. Queremos recalcar tamén as ganas que trasladan os remeiros de preparar a próxima tempada para volver a colocar ao noso club donde se merece. Moitas grazas aos afeccionados, socios e patrocinadores polo seu apoio. O ano que ven voltaremos mais fortes!".
E explicou nos micros da Radio Galega por que se tomaron estas medidas desde Amegrove: "Ningún dos nosos remeiros enfermou pola covid-19, pero a crise sanitaria trastocou os seus plans: uns traballan na hostalaría, outros conviven con familiares de risco. Por precaucións de repuntas, tomamos a decisión de non competir".
Aludiu tamén á mesma preparación física e deportiva e á imposibilidade de atopar remeiros para completar a embarcación a estas alturas: "É imposible que se poidan poñer en forma ningún deles nun mes, xa está presentada a renuncia oficial. Incluso saíu deles que ía quedar un cadro moi xusto e colgar a traiñeira. Están afectados, claro".
Sobre criterios económicos, afirmou Soutullo que: "De cara a esta tempada, as subvencións e os patrocinios están igual. Todo estaba pactado xa, cobrado e repartido para este ano, pero o problema será o ano que vén. Calculamos que perderemos un 40% de cartos en presuposto e axudas respecto ao que tiñamos. Non sei se outros clubs van facer coma nós, algúns si poderán saír ao mar, verémolo".