CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jozi: "Grazas á psicoloxía mellorei como porteira. Tamén aprendín a superar o fracaso cando fallas. Antes quedaba enganchada, agora non"

11/03/2021 - 15:33 h

Por 'Zona mixta' pasou Jozi Oliveira, pentacampioa do mundo coa selección brasileira, porteira do Burela FS e... psicóloga deportiva.

Así relataba a súa chegada a esta especialidade e como se enganchou a ela: "Teño un mestrado en psicoloxía deportiva aquí en España. Compaxinar os estudos co futsal pódese facer, tanto a carreira no Brasil, como o máster aquí, en España. Os profesores foron comprensivos, pero hai que currar igual que o resto dos estudantes. Ía no bus estudando, si. Cando coñecín a psicoloxía deportiva con dúas psicólogas no equipo de alá no Brasil xa quedei prendada. Axudounos a crecer como persoas e como xogadoras. Quixen xunguir a miña carreira coa miña experiencia nas pistas. A min fíxome consciente das fortalezas e debilidades".

E deu exemplos de como o aplica na vida diaria e, claro está, no deporte: "Creo que na psicoloxía deportiva hai algo menos de prexuízo que no resto da sociedade. Na miña vida grazas á psicoloxía obtiven maior gozo e satisfacción practicando deporte, á parte de reforzar as miñas fortalezas e mellorar no que tiña dificultade. Agora son moi falangueira, antes non, era máis ben tímida. E como porteira a comunicación é moi importante. Mellorei moito nisto e perdín o medo a falar alto nun partido, manter a calma... Tamén superar o fracaso cando fallas ou che meten un gol. Antes quedaba enganchada, agora non"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso