CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Vero Boquete: "Aquí, en Milán, xa publicou a prensa que teño un estadio co meu nome e que foi o do famoso gol de Ronaldo"

10/11/2020 - 15:40 h

Pola Zona Mixta pasou a gran Vero Boquete, que fichou por un histórico ao que quere levar ao máis grande no fútbol feminino tamén en Europa: o Milán.

Así contou como está a situación no país transalpino: "Xa estou en Italia pasando a corentena. Aquí a cousa está moi complicada, estou en plena zona vermella"

Logo do seu recente paso polos Estados Unidos falou do cambio de rumbo no Goberno aló: "Agora que marcha Trump, igual teño que volver. Alégrome polos meus americanos. Foron anos complicados alí. Eu pola miña cor non sufrín racismo, pero nunca como nos últimos anos se viviu este tema tanto como estes últimos tempos. Foi moi triste".

Pero tamén sinalaba que xa ten a cabeza no fútbol e con positivismo: "Esta pandemia xa nos roubou bastantes meses de competición. O Milán chamoume e alí nunca competira, motívame moito. É un reto. Sabía que quería volver a Europa. Non quería estar parada. É interesante por ser unha liga nova, un país novo, un país onde non competira. Italia ten cultura futbolística. E si, tiven opción en España”

Sobre se xa está afeita a que o estadio de San Lázaro leve o seu nome, dixo que aínda non. Era así de expresiva: "Sempre recibo nas fins de semana nas redes sociais notificacións do tipo: 'Empeza o partido no Vero Boquete', e para min é un orgullo moi grande. Oxalá que San Lázaro sexa un fortín como a tempada pasada. Aquí na prensa si que fixeron mención a que teño o nome dun estadio e ao famoso gol de Ronaldo neste campo"

Tanto cambio de residencia deixoulle unha aprendizaxe: "Está claro que non teño problemas cos idiomas despois de pasar por tantos países. En todas partes te entendes co inglés. O italiano enténdoo xa bastante ben, e espero nun par de meses falalo aínda mellor"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso