Zona Mixta
O doutor Cota sobre a lesión de Rubén Blanco: "Hai que curar ben, senón pódenlle quedar molestias continuas"
Foi a mala noticia do día: confirmouse o peor presaxio e Rubén Blanco vai estar de baixa entre 4 e 5 meses. No Zona Mixta estivo o doutor Cota para falar sobre a situación do porteiro galego de Mos. Así explicaba a lesión: "O tendón arrincouse da inserción no óso. Non é das lesións normais nos futbolistas, pero si moi importante para eles, porque se non se recupera ben pode deixar molestias para sempre. A sobrecarga de partidos e adestramentos inflúen nestas lesións. O prazo mínimo son catro ou cinco meses".
Sobre a recorrencia nas mesmas, afirmaba: "A forma de vida de Rubén e os seus hábitos non xustifican ter tantas lesións. A biomecánica do músculo de cada un é moi específica e pode traer ese tipo de problemas".
E tivo tempo para unha lembranza do décimo aniversario do éxito colleitado pola Selección Española de fútbol, da que formou parte en Sudáfrica: "Mañá celebramos 10 anos do Mundial; intercambiamos mensaxes estes días entre todos os que estabamos alí"
Sobre como veu ao gardamallas galego no que se refire ao ánimo, Cota dixo: "Despois do momento da lesión, xa vin a Rubén máis enteiro e animado para encarar a recuperación. A evolución non vai depender da operación. Temos que cumprir unhas premisas antes de deixarlle golpear balón ou facer carreira forte. Son lesións que poden ter recaídas"