CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jorge Prado: "Comparada coa rotura do fémur, isto non foi nada, estou desexando subir á moto de novo"

10/06/2020 - 15:41 h

Jorge Prado atendeu á Zona mixta da Radio Galega nada máis deixar o hospital tras a operación de onte pola rotura de clavícula:

"De ánimo estou ben, nótome positivo, isto é unha pequena pedra no camiño. Nun adestramento, nunha curva tiven un fallo e saín disparado diante do manillar. Caín de cabeza e coa clavícula. Xa me decatei ao momento que rompera".

Sobre se se pon data para volver, foi claro: "Eu creo que si vou estar para a primeira proba do mundial, aínda que non sexa ao 100%. O tamaño da moto non ten nada que ver. Estas lesións xa as tiven antes. Foi un pouco de mala sorte. Estou encantado da 450. Estouna gozando moitísimo, estou desexando volver subir".

Non ten dúbida de que non foi o seu peor momento tras caer da moto: "Puxéronme unha placa e parafusos. É a cuarta vez que rompo a clavícula. A nivel de dor foi algo menos que outras veces aínda que a rotura fose maior. Pero comparada coa rotura do fémur isto non foi nada. Como piloto, hai que pensar en positivo e pensar no futuro".

Por iso, o positivismo é clave para a recuperación: "O óso está roto e non se lle pode facer nada, así que a recuperarme canto antes. Non me poño data aínda para recuperarme. Cando non teña ningunha molestia, quero subir xa na moto".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso