CRTVG

Buscar

Zona Mixta

T. Valledor: "Toro non durmiu as dúas últimas noites. Á presión normal engádeslle isto... chega un momento en que explotas"

10/03/2021 - 15:31 h

Cristian Toro e Garrote deixan de participar nas probas de selección do olímpico K4 por baixa médica. Voan as acusacións de que o proceso non está a ser limpo e que algún padexeiros poden querer beneficiar a uns e prexudicar a outros. Por 'Zona mixta' pasou o presidente do Club Fluvial de Lugo, Tito Valledor: "Cristian e Garrote están de baixa médica e non disputaron as probas. Foron convocados ás 9 da mañá e hoxe pediron consulta e por indicación terapéutica vanse afastar uns días destas probas, o que non quere dicir que non as queiran facer ou non as realicen finalmente"

Foi unha recomendación do psicólogo polo estrés que está sufrindo. Isto dicía Valledor: "E non creo que sexa só Toro, eh, falamos con outros deportistas. Nin el nin Garrote durmiron as dúas últimas noites. Á presión normal engádeslle todo o que aconteceu... e chega un momento en que explotas. A decepción importante que tivo cos resultados do domingo influíu moito en Cristian. Non acuso ningún deportista, pero hai cousas que non son claras. O adestrador, Miguel García, aínda non acreditou o que pasa, máis que dicir que hai algo raro"

E cal é a solución? O presidente do Fluvial de Lugo apunta: "Repetir o proceso non creo que sexa a solución para o que pasou. Temos a sorte, ou a desgraza, de ter un equipo moi talentoso, e creo que nesta situación o método de selección debería ser moito máis directo e individualizado. Isto xa se podía prever. Está claro que sempre gusta remar máis con uns ou outros, pero esa non é a cuestión, deben ir os mellores aos Xogos"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso