CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jorge Prado: "Perdín olfacto e gusto. Cando me dixeron da infección respiratoria pensei que a covid podía ir a máis"

09/11/2020 - 15:42 h

Un xa bastante recuperado Jorge Prado atendeu na Zona Mixta as preguntas sobre a enfermidade da que se está recuperando. A covid-19 tamén ataca xente nova e deportista e pode ter graves consecuencias se non se trata a tempo. "Xa estou superben, pero pasei unha infección nos pulmóns moi forte e perdín o gusto. Estou descansando por consello dos doutores durante dúas semanas. Foi un pequeno arrefriado o que pensei que tiña. Nas dúas últimas carreiras notaba xa dificultades para respirar esa semana"

Aínda así concretaba nos micros da Radio Galega como se atopaba: "Non recuperei aínda o olfacto ao 100%, pero o gusto si, menos mal! Foi unha sensación superrara. Eu atopábame ben, pero a infección nos pulmóns si que empecei a pensar que podía ir a máis. Por sorte, puidemos frealo parando a actividade física forte, podería ter secuelas"

E dirixíase especialmente á xente nova para concienciala: "Descoñecemos moito este virus. Temos que ser conscientes todos que é moi serio. Os novos tamén, non só polo que nos pode pasar, senón porque podemos contaxiar a calquera"

Finalmente, repasaba este ano deportivo, que desde logo non foi normal para nada: "Esta tempada foi de tolos, pasoume de todo: lesión no fémur, o confinamento, outra caída coa rotura da clavícula... Cheguei moi xusto ás primeiras carreiras e tiven un problema mecánico cando ía arriba; gañei grandes premios, tiven unha penalización... Póñolle unha nota moi positiva igual. Esta foi a tempada en que máis loitei, e por iso estou moi moi contento con todo ao final"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso