CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jeremías Wernek: "Coudet marcha para o Celta. Aquí está decepcionado coas promesas de xogadores que lle fixeron"

09/11/2020 - 15:11 h

A noticia do día estivo en Vigo. Comezou coa destitución de Óscar García Junyent a primeira hora da mañá e seguiu desde O Brasil, onde todas as miras apuntaban a Coudet, o exxogador do R. C. Celta, que podería ser o próximo inquilino do banco celeste durante tres anos, como contou en 'Zona Mixta' Víctor López. Dicíanos que Óscar ía acudir tranquilamente hoxe á mañá ao adestramento. Non sabía que esta noite o club celeste andaba á procura dun adestrador, que pecharon esta mesma madrugada. Por iso a chamada desta mañá ao catalán para que se despedise do cadro de xogadores.

Falamos co xornalista brasileiro Jeremías Wernek sobre o próximo adestrador celeste: "Onte trataron de sacarlle algo ao Chacho Coudet. Parecía unha cousa escoitalo nese momento, e hoxe quédame claro o que quería dicir. Non é aínda oficial. A directiva xa manexa aquí que marcha, pero non queda claro o da multa de 2 millóns de euros ao Internacional de Porto Alegre.

Sobre as condicións e as causas da marcha, dicía: "O Chacho Coudet marcha seguro para o RC Celta a pesar dos oitavos da Libertadores que vai disputar o Inter de Porto Alegre nuns días e que vai de primeiro na Liga Brasileira e adiante en Copa. Coudet está molesto polo pouco investimento do equipo, promesas e o cambio da directiva nuns días"

A idea de xogo do arxentino é clara para o xornalista: "El ten unha idea de xogo moi físico e intenso e xa non ten xogadores para manter iso. Custoulle uns meses comprender que en Brasil non podes saír con todo ao principio e logo quedas sen xogadores importantes na forma que el precisa. Súmalle viaxes longas... partidos duros..."

E tamén nos dicía Víctor que Coudet non era o elixido nun principio: "A primeira opción era Marcelino por tres anos e sería o adestrador mellor pagado da historia do R. C. Celta. Mouriño daba por feito o acordo, pero no último momento houbo un xiro inesperado o sábado. Chamada de Marcelino ao presidente para dicirlle que non ía ir para Vigo. Aí é cando o Celta se pon en marcha para a opción 2: o Chacho Coudet. Marcelino seguramente vai fichar ao final polo Athletic de Bilbao"

Remataron falando con alguén que coñece moito a Coudet, o que fora segundo adestrador na 2002-2003 do R. C. Celta e analista desta casa, Moncho Carnero que o tivo de preto: "O de Óscar é a crónica dunha morte anunciada. Despois da conferencia de prensa de Miñambres para min non é unha sorpresa o de Óscar, ao que lle desexo persoalmente o mellor. É unha persoa íntegra e que lle vaia ben na vida. Lembro a Coudet disciplinado, traballador e con moito carácter. Espero que siga sendo igual e que leve o grupo do Celta adiante. O máis importante agora no vestiario é saber levar o grupo. Isto cada vez é máis difícil no fútbol actual. Cebola e pau, dicía Irureta"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso