Zona Mixta
Miñambres: "Os afeccionados non coñecen a situación. É como se a muller lles dá un euro para mercar un solombo"
Felipe Miñambres tirou de metáforas e comparacións á hora de analizar un mercado de fichaxes moi criticado polos afeccionados.
Empezou o director deportivo do Celta facendo un símil téxtil coas camisetas do Celta, cando queres mercar a camisola cara desta tempada, pero non tes cartos máis que para mercar a doutro ano a dez euros e falou do caso dun xogador que veu novo como fichaxe e acabou cedido no Español: "Vadillo se ascende o Español vai ser un bo negocio. Se che agasallan un xersei e non o usas, mételo nunha aplicación desas para vendela e sácaslle rendemento".
Máis adiante o director deportivo asegurou que Vadillo foi unha fichaxe que tiña o visto bo de Óscar García Junyent, e tamén falou dun mercado próximo xa no tempo: "Non desboto o mercado de Nadal, en xaneiro, pero tamén o dos axentes libres con xogadores no paro. Poderían chegar, nunca se sabe, estanse valorando esas opcións, pero é moi complicado. Non podo dicir que non, pero..."
Tamén insinuou algunha crítica ou motivación aos xogadores: "O equipo que temos fainos estar tranquilos. Se os xogadores están por baixo do seu nivel, teremos problemas como a tempada pasada, pero temos un equipo cun nivel alto que nos fai estar calmados".
E sobre as críticas dos afeccionados, Miñambres volveu tirar doutro símil: "As conversas entre afeccionados... tamén as teño eu cos meus amigos e enténdoas, pero logo a situación é a que é... se a muller che dá un euro para mercar un solombo, pois...".