CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Paulina Buforn: "O cromo que me gustaría ter? O de Prades, para negociar despois con el cando o necesite"

09/03/2021 - 15:31 h

Falamos de cromos. En día tan sinalado coma onte publicaron a primeira colección de cromos dunha liga feminina en España. E por 'Zona mixta' pasou Paulina Buforn, a xogadora do Atlético Guardés para contárnolo.

De viaxe en autobús, así nos atendía, e ademais logo de axudar a subir todo o equipamento ao autocar: "O de facer de 'utilleira' repartímonolo, non é castigo de José Ignacio Prades, se chega ser cousa del o castigo sería máis duro", dicíanos con moito sentido do humor, que mantivo durante toda a entrevista.

Preguntada polo seu cromo e se xa o tiña, dixo: "Teño toda a familia pendiente de que sae o meu cromo, oxalá que o meu saia moi repetido porque aforraría ansiedade aos meus. Son cromos dixitais, pero tamén van saír en álbum imprimible. Poden descargarse a través dunha app para os móbiles. Veñen nun estoxo que creo que custa 99 céntimos. Aínda sendo en versión dixital si que existe o dos cromos repetidos e intercambio, a min xa me ofreceron cambiar algúns dos que xa teño. A ver como funciona a miña capacidade negociadora"

E xa máis en serio reflexionaba sobre o importante dun álbum coma este, non só para elas, senón para os que virán: "Se completas o álbum, tes unha satisfacción moral moi grande, e xa cho mandan ademais á casa como as camisetas, sublimado. Pero o mellor é para as que veñen, esas nenas que poderán ilusionarse con saír nos cromos"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso