Zona Mixta
O 'Galicia en goles', de venres a luns na Radio Galega
A xornada desta semana desenvólvese durante catro días para os equipos galegos
O venres, desde as oito e media, o baloncesto da LEB Ouro, a fase de ascenso á Liga feminina e a Euroliga de hóckey a patíns entre o Liceo e o Barcelona protagonizarán a emisión de 'Galicia en goles' ata as 12 da noite.
O sábado, a partir das 3, o interese estará no Obradoiro-Manresa, da ACB, xunto ao fútbol de Terceira co Arenteiro-Polvorín e o U. D. Ourense-Viveiro, ademais da fase de ascenso á Segunda feminina no Interrías de Sanxenxo-Racing de Santander B. No balonmán, o Cisne-Guadalajara de Asobal e o Guardés-Granollers da feminina terán presenza durante a tarde.
Xa o domingo, a sesión matinal contará desde as 12 tres partidos de Segunda B: Numancia-Racing de Ferrol, Sporting B-Pontevedra e Lealtad-Coruxo. A partir das 3, o Mallorca-Lugo converterase no partido da xornada, xunto ao Leonesa-Celta B, Langreo-Deportivo e Marino-Compostela, de Segunda B. A xornada de Terceira tamén terá cobertura nas dúas edicións dominicais.
A xornada remata o luns cunha edición extraordinaria de 'Galicia en goles', desde as oito e media da tarde coa retransmisión do Celta-Sevilla desde Balaídos.
Polo demais, a programación deportiva da Radio Galega ofrece estoutros contidos. O sábado, á 1 do mediodía, 'Convivir deportivo' emitirase desde Castro Caldelas, onde o Centro Trail organiza unha das carreiras máis duras do mundo. Ás 11 da noite, 'Gas a fondo' resume a actualidade do motor, mentres ás once e media Galicia en Toquio pecha a emisión do sábado con toda a información dos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos. O domingo, ás 11 da noite, a mesa de debate de 'Ao contraataque' analiza os resultados dos equipos galegos de Segunda e Segunda B, ademais de analizar o Celta-Sevilla do luns.