CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Blanca Millán: "Nunca tiven un partido como o de onte, cun final tan tolo. As vitorias saben mellor así"

07/10/2021 - 15:51 h

Por Zona mixta pasou a amesá Blanca Millán para contarnos como viviu os 20 segundos finais que lle deron a primeira vitoria ao seu novo equipo, o Canarias nun final de encontro tolo: "Case nin me lembro do final do partido, elas fallaron moitos tiros libres e cando quedaban 20 segundos iamos perdendo de tres. Vin o partido seis veces cando acabou e aínda me sorprende. Cando quedaban 6 segundos xa estabamos celebrando"

Cando xa pensaban que o tiñan feito, os árbitros decidiron que quedaban tres décimas, que deron para moito: "Estaba defendendo a xogadora que sacaba a falta de tres décimas e vin unha delas soa metendo canastra. Ninguén o cría! Xusto no banco dixeramos que ían facer esa xogada, pero non puidemos bloqueala, a verdade é que o fixeron moi ben"

Pero cando todo facía pensar nunha prórroga e estaban de baixón, pasou o inesperado: "Entón os árbitros revisaron a xogada e non deron válido o 'alley oop'. Creo que ao final celebramos catro veces. Nunca tiven un partido como o de onte, cun final tan tolo. As vitorias saben mellor así. Gañar dese xeito é moi especial e máis cando é a primeira, sempre a lembraremos"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso