Zona Mixta
David Navarro: "Coñecín grandes persoas no Obradoiro: compañeiros, corpo técnico... Sentinme moi querido pola afección"
David Navarro despídese do Obradoiro, e pasou polo Zona mixta para contarnos como foi a súa experiencia e o que agarda de cara ao futuro: "Tiña un contrato de 1+1 e con isto da covid-19 eu xa supoñía que habería baixada de presuposto no club. Ao ser un dos xogadores con menos protagonismo do cadro, xa imaxinaba que ou me ofrecerían un contrato á baixa ou me substituirían por un rapaz. Son 37 anos, pero estou ben para xogar".
Sobre o que pesa máis na decisión de futuro deixounos esta reflexión: "Estou nun momento da vida en que importa moito todo o que pensa a familia. Estou cómodo en Santiago, a muller, os rapaces moi ben no cole aquí, pero estou aberto a todo. O de seguir xogando véxoo posible. A Coruña é unha opción, si. Valoro proxecto, comodidade e tempo coa familia á hora de deicidirme".
Sobre os momentos vividos no club santiagués tivo moi boas palabras: "Son moi positivo e quedo co mellor nestes tres anos. Deportivamente cumprimos sempre obxectivos, a pesar dos malos momentos puntuais do equipo. Coñecín grandes persoas: compañeiros, corpo técnico e mesmo afeccionados. Sentinme moi querido pola afección: apoio, boas palabras. Quedo con iso. A nivel deportivo gustaríame ter xogado máis, pero eu tratei sempre de axudar a club e compañeiros. Por iso marcho contento".