CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Jabato, adestrador do Cisne: "Soubemos dos positivos do Cuenca polas redes, esperemos non ter contaxios entre os nosos"

08/10/2020 - 15:14 h

Pola Zona mixta pasou 'Jabato', adestrador do Cisne Balonmán de Pontevedra. O Cuenca, que xogou onte á tarde partido da liga de balonmán co club galego, pediu o adiamento do seu vindeiro encontro por varios positivos dos seus xogadores. 

Jabato comentou como lles chegou a nova, e non foi por vía ofcial: "Soubemos dos positivos do Cuenca ao mesmo tempo ca vós, polas redes sociais, esperemos non ter contaxios entre os nosos. Xogamos o partido con total normalidade, eles pasaran os tests antes do partido. Agora estamos tomando todas as precaucións entre nós, claro".

Nada lles fixo sospeitar o que está a pasar: "Comentáronnos que na viaxe de volta varios membros da expedición do Cuenca tiveron síntomas: falta de olfacto, febre cambiante, como, por exemplo, o adestrador. Van facer probas PCR esta tarde. De momento, ningún dos nosos presentan síntomas, pero poden xurdir nas próximas horas. Estamos pegados ao móbil. Desde logo non debemos viaxar por responsabilidade, diso falamos, suspenderemos os adestramentos e en corentena ata non pasar os tests pertinentes. A saúde é o primeiro, non imos xogar coa picaresca. Optamos pola responsabilidade".

Sobre a organización desta liga Asobal e a posibilidade de que se dispute con normalidade, Jabato cre que se deberían ter en conta todos os escenarios: "Hai dificultades de todo tipo no organizativo con toda esta pandemia. Onte entraron dous policías para botar a xente do público, porque non sabían que estaba aprobado xogar con xente nas bancadas. Non daba crédito. Imos convivir co virus moito tempo, hai que prever todo. O que está claro é que temos que remar todos xuntos para que a xente poida seguir vendo o balonmán. Hai que tratar de blindar a competición o máis posible. A dificultade cada vez é máxima. Hai que ter plan b para todo o que poida suceder".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso