CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Toni Otero, ex do Celta e do Lugo, debullounos como son por dentro os movementos dun director deportivo na fin de mercado

06/10/2020 - 15:06 h

Toni Otero, que estivo no Real Club Celta e Club Deportivo Lugo, pasou pola Zona mixta para falarnos de como se viven por dentro as últimas e frenéticas horas de mercado desde dentro, cos ollos dun director deportivo e deunos a súa visión sobre os movementos en celestes e branquivermellos.

Sobre as criticadas conferencias telemáticas sen repreguntas dixo: "Nunca me tocou dar estas conferencias de prensa vía 'plasma', pero entendo a situación especial pola covid-19. Descoñezo se é por protocolo ou decisión do club a que vai dar mañá Miñambres".

Sobre o mercado deste ano sinalou: "En todos os países o mercado tivo poucos movementos e a Liga baixou os límites salariais. Este problema de reaxuste económico afecta a todos. Os que venderon xogadores non tiveron problemas, pero o resto teñen un presuposto máis baixo como límite salarial".

Centrándose no seu Celta, comentou que non todo é malo: "Do Celta saíron xogadores importantes e as chegadas foron en postos moi determinados. Isto vai ter cousas positivas tamén, para un celtista coma min ver os xogadores novos que van entrar, tamén coa baixa de Vadillo, é un orgullo e ilusiona. Falar de Europa era prematuro, igual que falar de pelexar por salvarse. Hai que estar tranquilos, e queda decembro. Non creo que Óscar deba dimitir, ten que apoiarse no club e nos xogadores. Traballei con moitos adestradores e todos se apoiaron no club e creceron. Os xogadores serán conscientes da situación. A todos nos gustaría homes de máis renome, pero Mina ou Costas deben crecer. A confección pode non estar balanceada, pero hai que ver a situación interna e o que quere Óscar. El non xoga con extremos longos, senón con interiores. Se non os hai, pois non é un problema. Ou xoga así porque non ten outras opcións? Non estou aí dentro para sabelo. Desde fóra si creo que se necesitan estes extremos longos que abran o campo. Pero o adestrador é peza fundamental para sacar o rendemento dos xogadores que ten. Felipe fixo un bo traballo coa limitación do mercado que hai, que é a que é. Non son partidario de dimisións".

Vivir desde dentro esa situación cámbiao todo, e así nolo facía chegar: "Eu sei o que son estas últimas horas do mercado. A uns minutos do final do mercado tiñamos un déficit de 6 millóns de euros e rematamos despois das 00.00 horas con dez mil euros de balance positivo na caixa. Hai que valorar todo, desde fóra é máis sinxelo velo. A Liga limita moito salarialmente".

Non quixo desvelarnos en que anda, pero deixou pistas sobre o seu futuro laboral: "Necesitaba desconectar despois de varios anos nisto, pero agora estou en conversas para un proxecto que me gusta. Neste momento hai que ter cabeza, calma e recuperarse de todo o que está ocorrendo socialmente con esta pandemia".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso