CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Pablo Vasallo: "Este título é moi importante para que os nenos se acheguen a un deporte con moitos prexuízos machistas"

06/10/2021 - 15:41 h

En Zona Mixta falaron do título mundial en patinaxe dun rapaz da Coruña, Lucas Yáñez. O galego do Club Maxia y Oleiros proclamouse campión júnior no mundial de Paraguai na modalidade de programa longo. Fixérono con Pablo Vasallo, adestrador do equipo, que estaba canso, pero feliz: "Estou sen durmir, nin peguei ollo, Lucas patinou sobre as 3.40, xa podes imaxinar. El vive en Oleiros e ten 17 anos, empezou moi pequeno, con 5 ou 6 anos, e sempre apuntou maneiras. Tiñamos expectativas altas onte, pero iso nunca se sabe. Decídese o traballo de todo un ano en 2 minutos. Tanto el como Rosa, a súa adestradora, están aínda eufóricos e aínda falta a entrega dos trofeos"

Vasallo falounos de como foi a proba: "O exercicio de Lucas foi impecable. Foi facer o que sabía e tiña adestrado. Durante todo o ano é moi constante e organízase moi ben nos estudos. É moi frío na pista. Tivo algún pequeno erro nalgún salto, pero nada importante. No dos estudos si que podía facer máis", dixo cun sorriso.

E tamén lle preguntaron por un deporte no que o machismo aínda está moi presente a partir de certas idades: "Este título pode ser moi importante para que os nenos se acheguen a un deporte onde hai moitos prexuízos machistas. Os rapaces pequenos danche leccións cada día, eles ven normal e natural este deporte. Na idade de Lucas ou pouco antes, na adolescencia, saen os prexuízos. Eu notei de novo ese machismo, pero paso de todo, creo que Lucas tamén ten ese carácter, que axuda a superalo"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso