CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Alvite: "Son un afeccionado máis do Lugo. Adestrar non me vai, probei no fútbol sala e non teño paciencia, perdía os papeis"

04/11/2020 - 15:25 h

Orgullo. A palabra de moda en Lugo co seu equipo. E alguén que sexa máis lugués que José Antonio Alvite, que vestíu a súa camisola durante máis de 400 partidos? Difícil, por iso pasou por Zona Mixta para explicarnos, en primeiro lugar, como ve ao seu equipo: "Que o equipo estea respondendo tan ben é un gusto para toda a cidade. Eu retireime aos 36 anos, e agora os xogadores retíranse a idades moi avanzadas: cóidanse, teñen boa alimentación, están controlados. Se non teñen lesións duran moito. Mira no Lugo Pita e Seoane"

E falando de dous grandes capitáns, para el hai unha clave, ademáis do novo inquilino do banco: "O vestiario é moi bo e a unidade é unha das virtudes máis importantes. Nafti é un adestrador que ten carácter e ten unha idea clara do que é o sistema de xoto. Soubo transmitir a idea e cunha pouquiña sorte... o equipo está nunha dinámica moi competitiva".

Falando de adestrar, nunca lle chamou moito. Ou si, pero non foi como esperaba: "Nunca me deu por adestrar. Aínda que desde fóra como delegado me viran como unha persoa tranquila, non teño paciencia para aturar algunhas cousas como adestrador. Eu cando me retirei probeino no fútbol sala. Explicaba cousas e non as cumprían logo na cancha e perdía os papeis. O de adestrador non era o meu camiño"

Sobre o seu pasado preguntáballe Emilio González, e isto dicía: "Eu empecei de media punta goleador en Terceira no Boiro logo dun amigable case de broma, porque me apetecía. Logo reconvertíronme en lateral esquerdo, e xa no Lugo fichei xogando neste posto. Foi aí onde acabei xogando máis e mellor. O de xogar arriba e marcar goles non era meu posto real"

Sobre as persoas que máis lle marcaron desde o banco, foi moi expresivo: "Fernando Vázquez e Edrosa foron os que máis impronta deixaron en min. Pero, sen dúbida, o que máis me marcou como adestrador foi Julio Díaz"

Inquerido sobre a posición real dos branquiazuis a final de tempada contestou sen ser pesimista: "O Lugo ten que ser realista. Isto é moi longo. Hai que aproveitar agora a boa inercia do equipo. Isto vai por xeiras, pero están competindo moi ben. Manter a categoría sería o importante. Se logo te ves arriba, pois mellor".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso