CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Paco Herrera: "Iago Aspas sempre foi demasiado celtista como para triunfar fóra de Vigo"

04/05/2021 - 15:06 h

Paco Herrera, abriunos as "portas" da súa casa. Mirade como loce esta entrada no estadio do seu Badaxoz. E fíxoo para o 'Zona mixta', onde conversou sobre o Celta, o filial, Hugo Mallo, Iago Aspas e o futuro do club vigués: "Cando eu chego ao Celta, salvárase no último partido da liga do descenso. Cheguei co obxectivo de dar estabilidade, e a partir de aí, conseguir o ascenso a Primeira. Agora son un máis coa camiseta cando vexo os partidos na tele. A sensación de estabilidade é o máis importante cando ves este Celta"

Así falaba de algún dos seus pupilos: "Hugo Mallo parecía un vello xa daquela, no bo sentido da palabra. Por idade era un crío, pero con 19-20 anos xa as sabía todas, como Aspas, pero de distinto xeito. Cando Iago se equivocaba, víao todo o mundo (no persoal e no futbolístico) e rías con el; a Hugo era moi difícil pillalo. Hugo Mallo era un vello no sentido de calado e do difícil de collelo nun renuncio. Os dous son moi boas persoas e moi celtistas. De Aspas sempre digo que era demasiado celtista para triunfar fóra de Vigo"

O traballo feito no pasado recente nótase no presente e no futuro: "Cando eu estaba no Celta construíase con moita paciencia. Todo estaba moi ben feito e co apoio do presidente e do conselleiro Chaves. O Celta foi construíndo a base, e por iso agora podemos ver medio equipo na aliñación que son da provincia de Pontevedra"

Tamén nos falou dun recente descubrimento del: "Jude Bellinghan, o xogador do Borussia, xa te avisei Víctor, que sería moi bo. E agora xa pelexa por el media Europa. Hai que corrixir dous detalles para que poida converterse calquera rapaz novo nun bo xogador. Eu creo que sería un grande adestrador de rapaces de 17-18 anos. Sempre tiven debilidade por xogadores como Jude, creo que o axudei a mellorar, e para min iso está por riba de todo. Logo converteuse no xogador en que se converteu"

E sería un cruzamento ben difícil para o filial se lle toca o Badaxoz: "Son socio e abonado do C. D. Badaxoz e si que creo que é o equipo máis difícil que lle pode tocar ao Celta B. Sigo o equipo e é o mellor da 2ª B. Polo sistema antigo subía seguro. Pero a un partido único pode pasar calquera cousa, por calquera detalle se che escapa a eliminatoria. Eu teño unha porta no estadio do Nuevo Vivero, para min foi un orgullo e un detalle precioso"

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso