CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Mouriz: "Xogar 3 partidos en 7 días non é razoable con xogadores que non poden saír da casa e non teñen nin ximnasio"

04/03/2021 - 15:06 h

Comezamos o programa falando con Carlos Mouriz, que nos explica como lle pode afectar ao Rácing de Ferrol estes dous positivos máis, co que fan seis. Poderá celebrar os partidos que se poidan suspender? Que outras posibilidades hai? Por 'Zona mixta' pasou Carlos Mouriz para darnos as súas impresións: "A esta hora e de xeito oficial non ten positivos a maiores, pero de xeito extraoficial son seis en total, todos xogadores. Atópanse ben de saúde, pero están preocupados polas implicacións con vistas á competición. Onte, de feito, adestráronse sen problemas os dous que agora sabemos que son positivos. Vai haber un confinamento de 10 días para eses xogadores por parte do Sergas, que xa llo comunicou de xeito persoal. Co troco de adestrador facían falta sesións de traballo e non houbo días libres. Estes dous xogadores adestraron luns, martes e mércores, pero hai tres días decidimos facer as probas"

Así contaba como foron os acontecementos: "Houbo catro positivos nas probas de antíxenos e o luns xa non estiveron cos compañeiros. O martes deron os positivos por PCR e comunicámolos. E hoxe deron outros dous. A situación é preocupante porque o venres estivemos todos xuntos e os xogadores logo marcharon cada un para a súa localidade; estiveron separados. Pero as familias deles non deron positivo, non sabemos de onde partiu o gromo, se foi antes ou despois. E claro, tamén son asintomáticos, o que o complica máis saber a orixe"

Sobre as implicacións competitivas dicía Carlos Mouriz: "Estamos esperando a comunicación das PCR e farémoslla chegar á Federación. Casualmente, sobre o partido co Coruxo, falei onte con Falqué, pero por outra cousa... non contabamos con que esta situación ía ir en aumento. Tes catro baixas? Pois faste á idea de que están lesionados. Pero agora temos 16 á disposición do míster. Hai varias posibilidades para xogar os partidos que se poidan adiar, si. Pero vouche contestar con absoluta sinceridade: non teño nin idea. Se me dis que en 7 días teño que xogar tres partidos, non me parece razoable, con xogadores que non poden saír da casa e non teñen nin ximnasio nela. Parecíame máis razoable aprazar a competición unha ou dúas semanas, como se fixo agora en xuvenís, por exemplo"

E acabou cunha reflexión: "Isto non foi buscado por ninguén, apliquemos o que lle pode pasar a todos”

Esta tempada tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso