Zona Mixta
Sergio, mariscador polas mañás, remeiro polas tardes: "Teño callos nas mans polas dúas cousas, estou afeito ó traballo duro"
Volven as traiñeiras, e pola Zona mixta pasou un remeiro de Cabo de Cruz, Sergio García que leva 30 anos no club e non deixou nunca o mar... é mariscador polas mañás e despois de durmir a sesta, sae ao mar para practicar o deporte que o leva apaixonando desde que tiña 11 anos: "Teño callos nas mans, pero como sempre as teño por coller o marisco co rastro. Téñoas todo o ano, as ampolas no cu xa é outra cousa. Estou con moitas ganas de volver navegar despois da covid. E con nervios... e si, despois de trinta anos de experiencia pásame, o que pasa é que non se me notan".
Falounos do duro que é o remo tamén, e se algunha vez se lle pasou pola cabeza abandonalo todo: "Moitas veces pensei en deixalo, pero isto engancha e ao día seguinte volvo coas mesmas ganas. Traballo no marisco pola mañá e dáme posibilidade de ir ás traíñas. Se fose albanel, que traballan todo o día, imposible".
E rematou cun desexo, que tamén ten que ver cos seus dous traballos: "Oxalá celebremos con Cabo de Cruz moitos éxitos con mariscadas, iso nunca sobra".