CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Julio Delgado, confinado mentres xogaba o seu Burela: "Escoitábame todo o edificio, era para gravalo"

03/05/2021 - 15:42 h

O Burela volveu a Galicia cunha copa de máis, a da Raíña, gañada en Madrid. As da Mariña cumpriron co papel de favoritas e venceron na final ao Melilla, 3-1. Pasouno mal desde a casa o convidado de 'Zona mixta', Julio Delgado. O adestrador estaba illado na casa por positivos na súa familia: "Afortunadamente os contaxios na familia van ben, pero o peor é o de gañar a Copa a distancia, non llo desexo a ninguén. Estiven en contacto continuamente con Lucas, levamos moitos anos xuntos. Tocoulle a el vivilo só e coa responsabilidade e presión que supón. Fíxoo fantasticamente"

Pero confirmou o de que desde fóra se viven peor os nervios que na cancha: "Na casa pásanse moitos nervios, aínda que quitando o partido contra o Futsi, non sufrimos demasiado nesta terceira copa. Estaba vendo o partido coa muller e creo que nos escoitou o edificio todo. Non lle dicía nada a Lucas, nin a ninguén, berraba eu só como se me escoitasen, era para gravalo"

A semifinal supuxo un desafío e as xogadoras estiveron á altura: "O respecto co Futsi ás veces é excesivo, hai quince días perdéramos con elas e non nos afectou. As rapazas afrontárono con moita madurez. Conseguir tres copas seguidas ten moito mérito"

E preguntado por se lles deixara tomar algunha sobremesa especial máis que froita, como nos contaba Bea a pasada semana, Julio Delgado confirmaba con humor que si, e que tiñan moito mérito tamén polos sacrificios que facían as xogadoras todo o ano: "Creo que son moi profesionais, levan moito traballo detrás. Burela converteuse en referente nacional e mundial. Tamén polo sacrificio. Seguro que despois da final puideron tomar algunha sobremesa mellor ca unha froita, meréceno"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso