CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Borja Yebra: "Nunha vista nun xulgado pásalo peor que nun partido en que xogas todo"

02/11/2021 - 15:37 h

No Zona mixta entrevistaron un ex do Coruxo que acaba de fichar por un grande, pero un grande, grande, grande, o máis grande de todos: a Administración Pública. O ourensán Borja Yebra deixaba o club do Vao este verán despois de catro tempadas e hoxe foi presentado nos xulgados de Barcelona: "Aínda hoxe teño moito mono de fútbol, estiven vendo esta finde o Bergan, o Coruxo... Estiven AFE un tempo, tírame moito o dereito deportivo"

Iso si, non é doado estudar e xogar á vez, pero pódese combinar, sobre todo cando un aínda é novo: "A xente nova temos tempo cando somos futbolistas para estudar e podemos combinalo. Levaba os apuntamentos no bus ata a Aranda de Duero aínda que sabías que era imposible estudar co que se di aí. Ía con tapóns nos oídos para concentrarme e estudar, pero aínda que levase outros no nariz... imposible. Ás veces sabía que non os ía poder nin tocar na fin de semana, pero levábaos igual... Eu na carreira era dos traballadores, non dos que destacaba, pero sempre traballando, como no campo de fútbol"

E tamén comparaba os xulgados e os partidos decisivos: "Nunha vista pásalo peor que nun partido en que xogas todo. Por moi preparado que o leves, nunca saber o que pode pasar"

E volver ao céspede? Yebra ten claro que é moi difícil: "En fútbol tes sempre unha tensión competitiva. Non creo que volva ao fútbol por aquí por Barcelona. Teño 38 anos, estou ben, sen lesións importantes, pero volver ao fútbol profesional... non sei, aínda que me quedou unha espiña por este ano covid que non puiden vivir como quería sobre o céspede"

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso