CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Araceli Menduíña, primeira adestradora de Tere Portela: "En deportes como o piragüismo, renuncias á túa propia xuventude"

02/08/2021 - 15:49 h

Por Zona mixta pasou Araceli Menduíña, primeira adestradora improvisada no Club Ría de Aldán de Teresa Portela para falarnos dela desde que empezou: "Coñezo a Tere case desde que naceu. Os pais vivían a carón da miña casa e vina evolucionar desde moi pequena. Tere en canto empezou a manexar a piragua xa vías que tiña unha forma de padexar que parecía unha estrela e que non lle custaba mover a embarcación".

Contounos a vantaxe que ten empezar nun lugar como no que empezou Tere: "A praia de Aldán é moi tranquila e moi plana, os nenos empezan a padexar como un xogo e engánchanse. Cando chega o inverno xa están afeitos a manexar a piragua. Non é o mesmo empezar a adestrarse na época máis fría do ano, temos esa vantaxe aquí. Estes deportes como o piragüismo, de concentración de case dez meses ao ano fóra da casa, significan renunciar a todo, incluso á túa propia xuventude. Mentres o resto de rapaces van de festa ou a un parque de campismo, elas están adestrándose".

E tamén falou da parte psicolóxica das adestradoras: "Nós temos que conectar cos cativos como un xogo. O deporte comeza a ser duro cando hai que renunciar. Hai veces que pensas que un vai chegar moi arriba e queda no camiño, e tamén me ten pasado ao revés".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso