CRTVG

Buscar

Zona Mixta

Alfredo Santaelena: "O gol foron décimas de segundo, non pensei en sacar a 'man de Deus' como Maradona, só en marcar"

02/07/2020 - 15:15 h

Pola Zona mixta pasou un convidado moi especial, Alfredo Santaelena, o heroe da Copa do Rei que celebra 25 anos da súa consecución. Xa choveu, nunca mellor dito, e na Radio Galega lembramos o tanto e como foi aquel momento tan especial en dúas entregas: "Iso non o vou esquecer nunca. O que supuxo para o @RCDeportivo foi moi grande. Eu tiven a sorte de marcar o gol, pero foi de todos. Lémbroo como se fose onte: Madrid, a chuvia... o gol. A situación foi moi rápida e en décimas de segundo non se me pasou o da man de Deus. Levei un trompazo de Zubi, pero deume igual. Non me deu tempo máis que de pensar que o balón tiña que entrar como fose na portería do Valencia. Fíxome moita ilusión o título co Atlético por ser o primeiro da era Gil e este co Dépor, que tamén era a estrea"

Falounos Alfredo da época do Superdépor: "Foi un chanzo, pero xa viñamos apuntando. Creo que merecemos gañar a liga famosa do penalti. Marchóusenos en detalles como o partido do Raio ou Lleida. A época do SuperDepor foi preciosa. O vestiario e o equipo tan competitivo fixo que lle fixeramos fronte aos grandes"Alfredo: "Dáme mágoa ver o Depor sufrindo en Segunda, aínda que está agora en dinámica positiva. O míster creo que o está a facer bastante ben e creo que se vai salvar, pero espero que o ano que vén se intente facer un equipo competitivo para estar onde merece, que é na Primeira".

E como está a ver ao equipo en Segunda loitando por non descender: "Fernando é un motivador fantástico. O tema da covid era unha incógnita. O equipo empezou con dúbidas, pero agora vai para riba. Vaino sacar seguro, pódeche gustar máis ou menos como xogan, pero mira os resultados, mira o Barça como estaba con Valverde e agora...".

Rematou tamén achegándonos como foi a súa experiencia chinesa: "Estiven adestrando coa selección chinesa sub-14, pero non hai que enganarse, é moi difícil que chegue a potencia mundial neste momento. O Xapón empezou ben e agora van aos mundiais, pero é un fútbol moi distinto o que se xoga en Asia. Alí si son das mellores, iso si".

De luns a venres, ás tres da tarde, tes pase para entrar na Zona Mixta con Carlos Alonso